As artistas de Verto continuan publicando adiantos do seu segundo disco. Neste caso o adianto titúlase ‘Como son Goku’, acompañado dun videoclip dirixido e realizado por Mundo X, cunha estética nostálxica visualmente.
Tras este e o anterior sinxelo ‘Todo o que che din’ seguen facendose oco no panorama musical galego.
“A Luz Prendida” (Peter Petrowski Remix) é unha colaboración especial entre MJ Pérez e Peter Petrowski. Trátase dun remix de cumbia con toques de electrónica, chicha e de pop, que busca unha versión alternativa e renovada dun tema mantendo a esencia e o aire verbenero de base.
¿Non estades fartas de que pareza que o rock é un xénero con demasiados homes? Para facer ver que tamén hai mulleres deixamos por aquí catro grupos de rock con representación feminina.
Bala
BALA son Anxela e Violeta, un dúo de guitarra e batería de difícil clasificación. nacido na Coruña. O son lembra aos grupos de rock intenso dos 90, cunha mestura de influencias que van desde o grunge ao stoner pasando polo punk. A todo isto súmanselle dúas voces moi distintas.
Ata o momento publicaron tres traballos: ‘ Human Flesh’ (Matapadre, 2015), ‘ Lume’ (Matapadre, 2017) e ‘Maleza’ (Century Media, 2021). Tocaron nos grandes festivais de España e Portugal, pero tamén en países como Xapón, Australia, EEUU, Colombia ou UK, deixando pegada en lugares como o Stoned and Dusted (deserto de Mojave, California), ou o Rock ao Parque de Bogotá (2018).
Agoraphobia
Agoraphobia son un quinteto orixinario de Boiro (A Coruña) formado por Susana (vocalista), Sabela (guitarra), Paula (batería) e Lucía (baixo). Aislinn (exguitarrista) e Sabela coñécense no instituto e con apenas dezaseis anos comezan a dar renda solta ao seu gusto polo punk rock e o rock alternativo. Naqueles inicios, no 2006, mostran predilección por bandas punk rock como Blink 182 e por bandas de rock alternativo como Incubus, de feito o nome tómano dunha canción destes.
No outono de 2017 chega o seu primeiro LP, “ Incoming Noise” ( Dotbeat, 2017), e posteriormente en 2019 publican o seu segundo LP, “ Unaligned” ( Dotbeat, 2019).
Cuarta Xusta
Esta banda inicia a súa traxectoria a comezos do ano 2016 como resultado da paixón pola música de cinco rapazas de Melide: Marta Sánchez (violín/guitarra), Alberto García (guitarra), Aida López (voz), Alba Vilariño (baixo) e Lúa Aguete (batería). Creando temas propios que parten das inquedanzas que afectan á nosa sociedade, sempre na nosa lingua.
Ao longo da súa traxectoria, que comeza no Festival Presume de Galego, compartiron cartel con grupos como Superoito ou Zënzar. A principios de 2018 presentaron o primeiro traballo discográfico, “Un novo espertar”, tentando achegar os seus berros ao maior número posible de persoas. Actualmente están inmersas na gravación do seu segundo disco que o coronavirus fixo atrasar.
Grima
GRIMA nace en Pontevedra en setembro de 2016 de man de Facundo Pardo (batería) e Laura Villar (baixo, voz), membros paralelamente de grupos como Monrovia, Montclair ou o colectivo de músicos Metamovida. Vista como unha das novas promesas da música punk/rock progresiva de Galicia, a banda xoga entre o grunge, stonner e o punk con deixes progressive experimental, ou o que sería o mesmo un son difícil de cualificar pero fresco e enérxico.
Despois dunha primeira toma de contacto moi frutífera co público durante ano e medio, en 2018 GRIMA lanza o seu primeiro LP, “ A ver a que sabe ”, gravado en Sae Institute Spain (Madrid) por Adrián Blanco e cun traballo artístico integramente realizado pola ilustradora galega, Maru Astray. Actualmente están en proceso de gravación do seu segundo disco, que verá a luz nos próximos meses.
A banda de metal vimiancesa Teima vén de estrear o seu primeiro single “Lume e Espiñas”. Este debut vén da man dun videoclip producido e editado polo colectivo audiovisual “Catro Ghatos”. O tema xa está dispoñible en todas as plataformas de streaming, así como en YouTube ou no Bandcamp do grupo.
“Lume e Espiñas” é unha canción nada da raiba e impotencia sentida ante a vaga de incendios que azoutaron Galiza no 2017. Achéganos a unha tráxica realidade que a nosa terra vive ano tras ano. Vemos así como este tema pretende plasmar a sensación de angustia que se sente ao ver arder o teu entorno, onde todo o que coñeces muda cara tonos grises e negros, tinguindo todo de morte. Paralelamente, o tema preséntanos, como resposta ante este sentemento de impotencia, a capacidade de erguerse e incluso sair máis forte dos sucesos tráxicos.
Tras esta estrea, Teima segue a traballar nos seus futuros proxectos, incluido o próximo lanzamento do seu segundo single. Para máis información sobre eles podes visitar a súas redes sociais: Instagram e Facebook.
Se queres ver máis novidades do panorama musical galego visita a nosa sección de novas.
Guadi Galego estreou novo videoclip do seu álbum “Costuras”, título do seu novo traballo en solitario de onde a artista galega reafirma a súa personalidade artística a través de temas moi profundos.
“Velutinas” é unha das dez pezas deste álbum, na súa letra, Guadi Galego envorca sentimentos propios que apuntan ás contradicións, como motor para seguir avanzando.
O videoclip leva a marca de Jairo Moreno, creativo audiovisual e editor de vídeo, e conta coa participación das actrices Ana Oca e Carlota Arana.
Os roles de xénero na infancia e a liberdade sexual protagonizan o novo videoclip de Deleiba.
A pandemia implicou unha freada en seco do panorama musical. A pesares das dificultades, Deleiba puxo toda a carne no asador para presentar un novo sinxelo de alta octanaxe: Erguerse. Desta vez, a banda contou coa produción musical de Iago Pico en Pouland Studios, protagonista de producións de grandes bandas galegas como Nao ou Tanxugueiras.
Nesta nova aventura, a evolución da banda consolídase coa incorporación de novas influencias á base rockeira do quinteto muradán, sempre tinguida por letras que transmiten unha mensaxe de superación ante os obstáculos impostos pola vida e o sistema.
Un videoclip de vangarda
O videoclip inclúe tres historias que xiran en torno á liberdade sexual, os roles de xénero na infancia e a superación persoal ante a perda dun ser querido. Mostra unha aposta firme pola estética e o sutil, con ubicacións tan emblemáticas como a Fábrica de Sel de Muros, museo marítimo e actual sede do Clube de Remo muradán, berce de moitos deportistas da contorna ao que cada vez se unen máis rapazas.
O video nace dunha colaboración de primeiro nivel baixo a dirección de Daniel Pérez e a fotografía de Pedro Galbán, contando ademais coa produción de Inés Duport e Luis Santaolalla (ambos da produtora Lunes Films) e David Suárez. Xuntos, conforman un equipo que se está a consolidar como referente da nova fornada de profesionais do audiovisual galego.
Un sinxelo preparado para asaltar grandes citas
Deleiba forma parte dos cartaces das vindeiras edicións do festival de punk de grande formato Tsunami Xixón e do Festival das Carrilanas de Esteiro, citas programadas para este verán mais cuxa celebración segue a ser unha incógnita.
Pendentes dunha evolución da pandemia que lles permita voltar aos escenarios, semella máis acertado ca nunca o retrouso deste novo traballo: “Cada vez que me tumben, reunirei as forzas para erguerme”.
MJ recupera e transforma o tema “Nom existe a morte”, que nace dun poema de Ricardo Carvalho Calero e que foi finalista do concurso “Musicando Carvalho 2020”.
Neste poema Carvalho fai unha reflexión sobre o paso do tempo e a partir de aí a cantautora desenvolve unha composición musical que intenta acompañar e apoiar a mensaxe do poema xogando coa narración e a música.
A canción foi gravada en Drum&Roll Studios, en solitario baixo a produción de Iago Blanco. O videoclip pretende ser un percorrido visual a través do poema, enfatizando a mensaxe, a través da técnica de siluetas en movemento con video integrado. Así MJ interpreta estes versos e trata de maximizar o contido do poema e a canción con esta recreación audiovisual protagonizada pola sombra da cantautora.
MJ Pérez é unha das voces do panorama actual da música galega. Inicia o seu percorrido en 2014 e acumula máis de 150 concertos por toda Galicia e tamén Portugal. Suma xa catro álbums: un autoeditado e outros tres auto-producidos. Estivo presente en festivais e nos principáis circuítos musicais de Galicia.
MJ iniciou o pasado 2020 presentando o seu cuarto álbum “A Luz Prendida”, un disco de 15 temas (o máis longo da autora ata o momento) que marca un claro cambio de rumbo na música da cantautora arzuá, mantendo a esencia, mais cunha clara presenza de ritmos latinos e música de raíz. Este álbum foi gravado case íntegramente en Drum & Roll Studios (Coruña), con Iago Blanco aos mandos. Nel colaboraron grandes músicas como Ailén Kendelman, Laura Romero, Richi Casás, María Prado, Paula López, Iván Bernárdez, Alberto Rama, Sofía Espiñeira, Lucía López, Antonio Facal, Amanda Pinos e Iago González.
Nel colaboran Fer Peleteiro e Iago Pico, e que se acompaña dun videoclip cos bailaríns Fran Sieira, Xisco Feijoó e Artur Puga.
Tanxugueiras estrea hoxe o seu novo single e videoclip, Midas, un tema que supón un punto de inflexión na traxectoria das cantareiras. A música tradicional, que se mantén na base rítmica e esencia do tema, atópase con estilos máis urbanos e modernos, como o trap ou a electrónica. A peza, editada por Calaverita Records e PlayPlan Cultural e que estará dispoñible nas principais plataformas dixitais, acompañarase dun videoclip marcado pola pegada das cantareiras e a posta en valor do baile do país.
“Midas é un single empoderado, motivador e con moito carácter; e que define moi ben tanto o son actual de Tanxugueiras como a falta de medo que temos hoxe en día, como músicas, a explorar novas sonoridades”, sinala o grupo. Con Midas, as cantareiras despéganse dos seus anteriores traballos e da pandeireta para dar un maior protagonismo as súas voces, á vez que empregan estruturas máis contemporáneas e apostan por un retrouso pegadizo e con forza. Neste sinxelo avanzan na procura da fusión da tradición con estilos máis modernos e electrónicos, pero sen perder o contacto coa orixe e a base tradicional. Para iso, sérvense da colaboración de Fer Peleteiro -tanto no apartado musical coma na produción- e de Iago Pico, de Pouland Studios -na produción, gravación, mestura e masterización- . O resultado, a ollos das creadoras, é “unha proposta redonda”.
“Midas é unha peza empoderada e motivadora coa que queremos chegar ás novas xeracións, que van seguir coa tradición e termar dela”, apuntan as Tanxugueiras.
”Quen escoite a peza atopará conexións co tradicional, alén dos ritmos, nas coplas e no carácter das mesmas”; sinala o grupo, que con Midas tamén afonda na súa vertente creativa a través do desenvolvemento de textos propios que conectan con outras líricas da creación colectiva galega. “Non é a nosa pretensión situarnos na proa da reformulación, pero si que queremos dar un pasiño máis na evolución e achegar a música tradicional a outros públicos máis novos”, expoñen. Neste sentido, as cantareiras destacan a importancia de poñer en valor a creación popular galega entre as novas xeracións, “xa que é a poboación que vai seguir coa tradición e van termar dela, tamén desde a evolución.”
O lanzamento acompáñase dun videoclip producido por Trece Amarillo e PlayPlan Cultural no que, precisamente, as músicas queren visualizar o baile tradicional.
Se no 2019 o tema Desposorio, de corte tradicional, atopaba o seu contrapunto no baile contemporáneo, nesta ocasión, cun vídeo moderno e rompedor, as cantareiras acompáñanse do baile do país coa colaboración de Xisco Feijoó, Fran Sieira e Artur Puga, membros de Fran Sieira Compañía de Danza. “Escollimos tres bailadores que nos gustan moitísimo, cada un co seu propio estilo e que transmiten moitísima forza. Ao cabo, falamos dun tema con moito carácter e que non deixa indiferente, que é o que sempre pretendemos desde Tanxugueiras”, sinalan.
O deuvedé, editado da man da promotora PlayPlan Cultural, inclúe un segundo disco nomeado Apocalipse NAO, que recolle gravacións inéditas tanto da banda coma de persoas achegadas á mesma.
O lanzamento coincide co primeiro aniversario da derradeira actuación do grupo, celebrada en Amio o 7 de decembro de 2019 coa participación de más de 20 artistas.
A lenda e referente ideolóxico do rock galego, NAO, celebra o primeiro aniversario da súa despedida dos escenarios cunha estrea. O grupo, da man da promotora PlayPlan Cultural, publicará o vindeiro 7 de decembro o DVD Adeus e grazas, un traballo que recolle integramente o derradeiro directo do grupo celebrado o 7 de decembro de 2019 no recinto ferial de Amio, en Santiago de Compostela. Durante o concerto, unha cita ateigada de emoción e sorpresas, Jasper, Gus, Torroncho e Amós revisaron practicamente todo o seu repertorio apoiados por máis de 20 artistas.
O concerto de despedida resultou un acontemento moi destacado dentro da mundo da música galega tanto polo baleiro que NAO deixou nos palcos desde entón como pola extensa implicación de músicos na cita. No directo, concebido como “unha gran festa” e que se prolongou durante máis de 3 horas, colaboraron Picchio (Banda Bassotti), Sabela Ramil, Tanxugueiras, SonDaRúa, Rebeliom do Inframundo, Odolaren Mintzoa, Mini e Navia Rivas, Ramón Iglesias, Anxelo de Xermar, Patty Castro, Paul Zervero, Dakidarría, Pauliña, Xiana Lastra, Manuel Varela, Inés Duport, Roi Xesteira, Iago Pico, Vituco Neira e Carlos Gilino.
Adeus e grazas inclúe tamén de agasallo o disco Apocalipse NAO, que recompila tres pezas documentais homónimas (I, II e III) recollidas á banda ao longo dos seus case quince anos de traxectoria. A última da triloxía, nomeada Apolicalipse NAO I, inclúe material audiovisual inédito gravado após a despedida do grupo e que se poderá ver por primeira vez neste deuvedé. No traballo, tanto os membros da formación como as persoas achegadas á mesma e que compartiron as súas vivencias coa banda nestes anos falan do que supuxo o derradeiro concerto de NAO e do que significou a súa música para eles.
O dobre DVD publicado por NAO e PlayPlanpoderase adquirir desde o luns 7 a través da páxina web www.inquedanzas.com por 19,90€ (gastos de envío non incluídos) e, a partir do mércores 9 de decembro, nos puntos habituais de venda de Inquedanzas Sonoras. Todas aquelas persoas que reservaran previamente o deuvedé recibirán o derradeiro traballo de NAO na súa casa o mesmo luns 7.
Para máis novas coma esta bota unha ollada ao noso apartado de novas.
Xa está dispoñible á venda o primeiro disco de Quilma, en formato físico por 5€ (prezo axeitado para os tempos que corren). Rock en galego, innovación e un deseño visual impresionante a mans da súa creadora: @qui.sap.
Para cómpralo solo tedes que poñervos en contacto a través das súas redes Facebook e Instagram. Están voando, así que poñédevos en contacto con eles para chegar a tempo e apoiar a cultura en galego
O vindeiro día 20 de novembro dispoñible en todas as plataformas online de balde!
Quilma, veteranía e xuventude
Quilma defínese como unha banda de Rock Pogresivo en constante evolución con influencias dunha gran variedade de estilos musicais, onde veteranía e xuventude fúndense para expresar e crear o seu propio son.
Se che gusta o rock e queres apoiar a cultura galega e en galego bota unha ollada a nosa tenda en liña e as nosas novas, e merca produtos como estes:
Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia ao usuario na nosa web. Aceptas? AceptoLer máis
Política de cookies
Privacy Overview
This website uses cookies to improve your experience while you navigate through the website. Out of these cookies, the cookies that are categorized as necessary are stored on your browser as they are essential for the working of basic functionalities of the website. We also use third-party cookies that help us analyze and understand how you use this website. These cookies will be stored in your browser only with your consent. You also have the option to opt-out of these cookies. But opting out of some of these cookies may have an effect on your browsing experience.
Necessary cookies are absolutely essential for the website to function properly. This category only includes cookies that ensures basic functionalities and security features of the website. These cookies do not store any personal information.