O primeiro traballo discográfico deste grupo de folk celta atlántico, apoiado por unha campaña de micromecenado, publicarase o vindeiro 8 de setembro
A banda de folk celta atlántico Dequenvessendo estreou este martes, en todas as plataformas, o tema Muiñeira d’a cabra, o single de presentación do que será o seu primeiro traballo discográfico, Canto das xacias. Nesta peza, na que colabora o violinista Javier Cedrón, o grupo no seu videoclip amosa a súa estreita relación cun dos locais de concertos máis coñecidos de Santiago de Compostela, Casa das Crechas, e do que forma parte da súa programación de xeito habitual.
O disco verá a luz o vindeiro 8 de setembro logo de acadar, exitosamente, unha campaña de micromecenado impulsada polo grupo e na que participaron máis dun cento de persoas.
“Canto das xacias é un disco conceptual co que pretendemos poñer en valor a importancia da recuperación do imaxinario popular galego e da literatura oral, ese saber compartido que nos idenfica e que é piar da nosa cultura”, sinalan os membos do grupo, que contan neste traballo coa colaboración de artistas como Sés, Bieito Romero ou Nani García.

Así, sonoridades celtas, atlánticas e de raíz conflúen sutilmente nun álbum no que a banda fía un relato singular, a da lenda da xacia do Miño, a través de once temas de creación propia. Textos novos e outros recuperados da literatura galega conforman a narración do Canto das xacias, un álbum sincero e fiel ao espírito do propio grupo, ateigado de matices e influencias de diversos estilos que descobren, ante o mundo, o folk galego contemporáneo.
Historia
Dequenvesendo bebe da tradición para actualizar o folk galego. O grupo nace no 2016 no seo da Asociación Cultural Triskell de Armentón (Arteixo), coa idea de formar un proxecto baseado nos cuartetos de música tradicional. Desde os seus inicios, o grupo deixa a súa impronta en foliadas de prestixio como os Cantos de Taberna de Folgoso do Courel ou en citas como o Festival da Carballeira de Zas.

A experimentación sonora e o achegamento ao traballo de grupos como Luar na Lubre, Milladoiro, Silly Wizard ou The Tannahil Weavers dán paso, desde a tradición, ao folk contemporáneo. As influencias de diversos estilos musicais resoan nos seus directos e o grupo acada a súa actual formación, de 6 membros multiintrumentistas, no ano 2018. Neste tempo a banda convértese nunha peza chave da programación musical de míticos locais como Casa das Crechas ou Cova Céltica e acada o recoñecemento en eventos de primeiro nivel. É o caso do Festival de Ortigueira, cita na que se proclama gañadora do Concurso Runas 2019 xunto ao gaiteiro xaponés Yuki Kojima.
Neste 2020 o grupo impulsa e finaliza, exitosamente, unha campaña de micromecenado apoiada por máis de 160 persoas co obxectivo de publicar o seu primeiro LP. Este verán Dequenvessendo regresa con forza aos escenarios para presentar ante o público Canto das xacias, un traballo que ten coma protagonista a cultura galega a través da súa poesía e do seu imaxinario popular.
Para máis novas sobre o panorama musical galego, non deixes de visitar a nosa web!