Andrea Pousa publica o seu segundo álbum, Retorno, fusionando o folclore galego e o portugués

Retorno, o novo disco de Andrea Pousa, xa é do público.  A artista de Tomiño vén de lanzar fai uns días, nas plataformas dixitais, o seu segundo álbum de estudio, un traballo melódico e moderno que nace nas aguas do Miño, entre Galicia e Portugal. Desde as súas raíces, tanto territoriais como identitarias, Pousa dota de contemporaneidade aos folclores galego e portugués nun traballo atravesado por estilos urbanos, como o pop ou a electrónica, e ritmos latinos. 

Retorno conecta as orixes da creadora arraiana coa actualidade. Galego, portugués e castelán son as linguas nas que Andrea Pousa canta a todas as vivencias, experiencias, sabores ou emocións vinculadas as súas raíces e que, dalgún xeito o outro, volveu atopar no seu camiño. “Este álbum inspírase no profundo amor que sinto pola miña paixón, a música. Un amor real e puro que quero compartir e vivir, na súa plenitude, co público”, sinala a artista, responsable da meirande parte das melodías e letras que conforman o seu segundo traballo discográfico, ao que imprime o seu propio carácter, e no que contou co acompañamento na produción do pianista e recoñecido produtor portugués Paulo Borges.

O álbum, distribuído por Altafonte, conta cunha ducia de temas (once máis un de agasallo), entre os que se atopan os tres primeiros cortes que Andrea Pousa deu a coñecer nas últimas semanas tanto en América Latina, Portugal e Galicia e que se acompañan de pezas audiovisuais: AxendadosCamiñares e Alalá Meigo. O pasado mércores, día 5, publicouse o cuarto e último avance de Retorno, nomeado Atrapados, un tema pop-electrónico no que a música realiza unha crítica á ficción que se crea nas redes sociais. Xunto a eles, temas como Do teu lado, Pareja de tres, Soidade ou o propio Retorno, que dá nome ao disco, conforman o traballo máis moderno dunha artista chamada a ser unha das novas grandes voces femininas do panorama musical iberoamericano.


BIOGRAFÍA

Cantante e compositora, Andrea Pousa conta cunha extensa traxectoria como solista e membro de agrupacións de canto, como Vocálitis ou Sueño de Calíope. No ano 2014 funda a súa propia compañía de espectáculos da man do actor Bruxo Queiman, con quen pon en escena Keltia, el musical, unha peza sobre a historia e as lendas de Galicia.

Como cantante solista, no 2017 publica o seu primeiro traballo, Respirar, no que se sumerxe no lirismo, na tradición e na vangarda da man de Nani García. Neste 2021 publica Retorno, álbum que consagra a Andrea Pousa como unha das artistas con maior proxección a un e ao outro lado do Miño. 

Comparte a publicación

Share on facebook
Share on twitter
Share on whatsapp
Share on telegram
Share on email

Deixa un comentario

Deixa un comentario