Guadi Galego estrea “Velutinas”

Guadi Galego Velutinas

Guadi Galego estreou novo videoclip do seu álbum “Costuras”, título do seu novo traballo en solitario de onde a artista galega reafirma a súa personalidade artística a través de temas moi profundos.

“Velutinas” é unha das dez pezas deste álbum, na súa letra, Guadi Galego envorca sentimentos propios que apuntan ás contradicións, como motor para seguir avanzando.

O videoclip leva a marca de Jairo Moreno, creativo audiovisual e editor de vídeo, e conta coa participación das actrices Ana Oca e Carlota Arana.

Deleiba estrea Erguerse, a mensaxe de esperanza do rock galego

Deleiba Erguerse

Os roles de xénero na infancia e a liberdade sexual protagonizan o novo videoclip de Deleiba.

A pandemia implicou unha freada en seco do panorama musical. A pesares das dificultades, Deleiba puxo toda a carne no asador para presentar un novo sinxelo de alta octanaxe: Erguerse. Desta vez, a banda contou coa produción musical de Iago Pico en Pouland Studios, protagonista de producións de grandes bandas galegas como Nao ou Tanxugueiras.

Nesta nova aventura, a evolución da banda consolídase coa incorporación de novas influencias á base rockeira do quinteto muradán, sempre tinguida por letras que transmiten unha mensaxe de superación ante os obstáculos impostos pola vida e o sistema.

Un videoclip de vangarda

O videoclip inclúe tres historias que xiran en torno á liberdade sexual, os roles de xénero na infancia e a superación persoal ante a perda dun ser querido. Mostra unha aposta firme pola estética e o sutil, con ubicacións tan emblemáticas como a Fábrica de Sel de Muros, museo marítimo e actual sede do Clube de Remo muradán, berce de moitos deportistas da contorna ao que cada vez se unen máis rapazas.

O video nace dunha colaboración de primeiro nivel baixo a dirección de Daniel Pérez e a fotografía de Pedro Galbán, contando ademais coa produción de Inés Duport e Luis Santaolalla (ambos da produtora Lunes Films) e David Suárez. Xuntos, conforman un equipo que se está a consolidar como referente da nova fornada de profesionais do audiovisual
galego.

Un sinxelo preparado para asaltar grandes citas

Deleiba forma parte dos cartaces das vindeiras edicións do festival de punk de grande formato Tsunami Xixón e do Festival das Carrilanas de Esteiro, citas programadas para este verán mais cuxa celebración segue a ser unha incógnita.

Pendentes dunha evolución da pandemia que lles permita voltar aos escenarios, semella máis acertado ca nunca o retrouso deste novo traballo: “Cada vez que me tumben, reunirei as forzas para erguerme”.

Máis artigos coma este na nosa sección de novas.

MJ recupera e transforma o tema “Nom existe a morte”

MJ

MJ recupera e transforma o tema “Nom existe a morte”, que nace dun poema de Ricardo Carvalho Calero e que foi finalista do concurso “Musicando Carvalho 2020”.

Neste poema Carvalho fai unha reflexión sobre o paso do tempo e a partir de aí a cantautora desenvolve unha composición musical que intenta acompañar e apoiar a mensaxe do poema xogando coa narración e a música.

A canción foi gravada en Drum&Roll Studios, en solitario baixo a produción de Iago Blanco. O videoclip pretende ser un percorrido visual a través do poema, enfatizando a mensaxe, a través da técnica de siluetas en movemento con video integrado. Así MJ interpreta estes versos e trata de maximizar o contido do poema e a canción con esta recreación audiovisual protagonizada pola sombra da cantautora.


MJ Pérez é unha das voces do panorama actual da música galega. Inicia o seu percorrido en 2014 e acumula máis de 150 concertos por toda Galicia e tamén Portugal. Suma xa catro álbums: un autoeditado e outros tres auto-producidos. Estivo presente en festivais e nos principáis circuítos musicais de Galicia.

MJ iniciou o pasado 2020 presentando o seu cuarto álbum “A Luz Prendida”, un disco de 15 temas (o máis longo da autora ata o momento) que marca un claro cambio de rumbo na música da cantautora arzuá, mantendo a esencia, mais cunha clara presenza de ritmos latinos e música de raíz. Este álbum foi gravado case íntegramente en Drum & Roll Studios (Coruña), con Iago Blanco aos mandos. Nel colaboraron grandes músicas como Ailén Kendelman, Laura Romero, Richi Casás, María Prado, Paula López, Iván Bernárdez, Alberto Rama, Sofía Espiñeira, Lucía López, Antonio Facal, Amanda Pinos e Iago González.

Tanxugueiras estrea “Midas” marcando un punto de inflexión na súa traxectoria

Tanxugueiras Midas

Nel colaboran Fer Peleteiro e Iago Pico, e que se acompaña dun videoclip cos bailaríns Fran Sieira, Xisco Feijoó e Artur Puga.

Tanxugueiras estrea hoxe o seu novo single e videoclip, Midas, un tema que supón un punto de inflexión na traxectoria das cantareiras. A música tradicional, que se mantén na base rítmica e esencia do tema, atópase con estilos máis urbanos e modernos, como o trap ou a electrónica. A peza, editada por Calaverita Records e PlayPlan Cultural e que estará dispoñible nas principais plataformas dixitais, acompañarase dun videoclip marcado pola pegada das cantareiras e a posta en valor do baile do país.

“Midas é un single empoderado, motivador e con moito carácter; e que define moi ben tanto o son actual de Tanxugueiras como a falta de medo que temos hoxe en día, como músicas, a explorar novas sonoridades”, sinala o grupo. Con Midas, as cantareiras despéganse dos seus anteriores traballos e da pandeireta para dar un maior protagonismo as súas voces, á vez que empregan estruturas máis contemporáneas e apostan por un retrouso pegadizo e con forza. Neste sinxelo avanzan na procura da fusión da tradición con estilos máis modernos e electrónicos, pero sen perder o contacto coa orixe e a base tradicional. Para iso, sérvense da colaboración de Fer Peleteiro -tanto no apartado musical coma na produción- e de Iago Pico, de Pouland Studios -na produción, gravación, mestura e masterización- . O resultado, a ollos das creadoras, é “unha proposta redonda”.

“Midas é unha peza empoderada e motivadora coa que queremos chegar ás novas xeracións, que van seguir coa tradición e termar dela”, apuntan as Tanxugueiras.

”Quen escoite a peza atopará conexións co tradicional, alén dos ritmos, nas coplas e no carácter das mesmas”; sinala o grupo, que con Midas tamén afonda na súa vertente creativa a través do desenvolvemento de textos propios que conectan con outras líricas da creación colectiva galega. “Non é a nosa pretensión situarnos na proa da reformulación, pero si que queremos dar un pasiño máis na evolución e achegar a música tradicional a outros públicos máis novos”, expoñen. Neste sentido, as cantareiras destacan a importancia de poñer en valor a creación popular galega entre as novas xeracións, “xa que é a poboación que vai seguir coa tradición e van termar dela, tamén desde a evolución.”

O lanzamento acompáñase dun videoclip producido por Trece Amarillo e PlayPlan Cultural no que, precisamente, as músicas queren visualizar o baile tradicional.

Se no 2019 o tema Desposorio, de corte tradicional, atopaba o seu contrapunto no baile contemporáneo, nesta ocasión, cun vídeo moderno e rompedor, as cantareiras acompáñanse do baile do país coa colaboración de Xisco Feijoó, Fran Sieira e Artur Puga, membros de Fran Sieira Compañía de Danza. “Escollimos tres bailadores que nos gustan moitísimo, cada un co seu propio estilo e que transmiten moitísima forza. Ao cabo, falamos dun tema con moito carácter e que non deixa indiferente, que é o que sempre pretendemos desde Tanxugueiras”, sinalan.

NAO publica Adeus e grazas, o DVD do seu concerto de despedida

O deuvedé, editado da man da promotora PlayPlan Cultural, inclúe un segundo disco nomeado Apocalipse NAO, que recolle gravacións inéditas tanto da banda coma de persoas achegadas á mesma.

O lanzamento coincide co primeiro aniversario da derradeira actuación do grupo, celebrada en Amio o 7 de decembro de 2019 coa participación de más de 20 artistas.

A lenda e referente ideolóxico do rock galego, NAO, celebra o primeiro aniversario da súa despedida dos escenarios cunha estrea. O grupo, da man da promotora PlayPlan Cultural, publicará o vindeiro 7 de decembro o DVD Adeus e grazas, un traballo que recolle integramente o derradeiro directo do grupo celebrado o 7 de decembro de 2019 no recinto ferial de Amio, en Santiago de Compostela. Durante o concerto, unha cita ateigada de emoción e sorpresas, Jasper, Gus, Torroncho e Amós revisaron practicamente todo o seu repertorio apoiados por máis de 20 artistas.

O concerto de despedida resultou un acontemento moi destacado dentro da mundo da música galega tanto polo baleiro que NAO deixou nos palcos desde entón como pola extensa implicación de músicos na cita. No directo, concebido como “unha gran festa” e que se prolongou durante máis de 3 horas, colaboraron Picchio (Banda Bassotti), Sabela Ramil, Tanxugueiras, SonDaRúa, Rebeliom do Inframundo, Odolaren Mintzoa, Mini e Navia Rivas, Ramón Iglesias, Anxelo de Xermar, Patty Castro, Paul Zervero, Dakidarría, Pauliña, Xiana Lastra, Manuel Varela, Inés Duport, Roi Xesteira, Iago Pico, Vituco Neira e Carlos Gilino.

Adeus e grazas inclúe tamén de agasallo o disco Apocalipse NAO, que recompila tres pezas documentais homónimas (I, II e III) recollidas á banda ao longo dos seus case quince anos de traxectoria. A última da triloxía, nomeada Apolicalipse NAO I, inclúe material audiovisual inédito gravado após a despedida do grupo e que se poderá ver por primeira vez neste deuvedé. No traballo, tanto os membros da formación como as persoas achegadas á mesma e que compartiron as súas vivencias coa banda nestes anos falan do que supuxo o derradeiro concerto de NAO e do que significou a súa música para eles.

DVD NAO

O dobre DVD publicado por NAO e PlayPlanpoderase adquirir desde o luns 7 a través da páxina web www.inquedanzas.com por 19,90€ (gastos de envío non incluídos) e, a partir do mércores 9 de decembro, nos puntos habituais de venda de Inquedanzas Sonoras. Todas aquelas persoas que reservaran previamente o deuvedé recibirán o derradeiro traballo de NAO na súa casa o mesmo luns 7.

Para máis novas coma esta bota unha ollada ao noso apartado de novas.

Quilma estrea o seu primeiro disco

CD de Quilma

Xa está dispoñible á venda o primeiro disco de Quilma, en formato físico por 5€ (prezo axeitado para os tempos que corren). Rock en galego, innovación e un deseño visual impresionante a mans da súa creadora: @qui.sap.

Para cómpralo solo tedes que poñervos en contacto a través das súas redes Facebook e Instagram. Están voando, así que poñédevos en contacto con eles para chegar a tempo e apoiar a cultura en galego

O vindeiro día 20 de novembro dispoñible en todas as plataformas online de balde!

Quilma, veteranía e xuventude

Quilma defínese como unha banda de Rock Pogresivo en constante evolución con influencias dunha gran variedade de estilos musicais, onde veteranía e xuventude fúndense para expresar e crear o seu propio son.

Se che gusta o rock e queres apoiar a cultura galega e en galego bota unha ollada a nosa tenda en liña e as nosas novas, e merca produtos como estes:

Dequenvessendo lanza Muiñeira d’a Cabra

O primeiro traballo discográfico deste grupo de folk celta atlántico, apoiado por unha campaña de micromecenado, publicarase o vindeiro 8 de setembro

A banda de folk celta atlántico Dequenvessendo estreou este martes, en todas as plataformas, o tema Muiñeira d’a cabra, o single de presentación do que será o seu primeiro traballo discográfico, Canto das xacias. Nesta peza, na que colabora o violinista Javier Cedrón, o grupo no seu videoclip amosa a súa estreita relación cun dos locais de concertos máis coñecidos de Santiago de Compostela, Casa das Crechas, e do que forma parte da súa programación de xeito habitual.

O disco verá a luz o vindeiro 8 de setembro logo de acadar, exitosamente, unha campaña de micromecenado impulsada polo grupo e na que participaron máis dun cento de persoas.

“Canto das xacias é un disco conceptual co que pretendemos poñer en valor a importancia da recuperación do imaxinario popular galego e da literatura oral, ese saber compartido que nos idenfica e que é piar da nosa cultura”, sinalan os membos do grupo, que contan neste traballo coa colaboración de artistas como Sés, Bieito Romero ou Nani García.

Portada Muiñeira d’a cabra
Portada Muiñeira d’a cabra

Así, sonoridades celtas, atlánticas e de raíz conflúen sutilmente nun álbum no que a banda fía un relato singular, a da lenda da xacia do Miño, a través de once temas de creación propia. Textos novos e outros recuperados da literatura galega conforman a narración do Canto das xacias, un álbum sincero e fiel ao espírito do propio grupo, ateigado de matices e influencias de diversos estilos que descobren, ante o mundo, o folk galego contemporáneo.

Historia

Dequenvesendo bebe da tradición para actualizar o folk galego. O grupo nace no 2016 no seo da Asociación Cultural Triskell de Armentón (Arteixo), coa idea de formar un proxecto baseado nos cuartetos de música tradicional. Desde os seus inicios, o grupo deixa a súa impronta en foliadas de prestixio como os Cantos de Taberna de Folgoso do Courel ou en citas como o Festival da Carballeira de Zas.

Dequenvesendo

A experimentación sonora e o achegamento ao traballo de grupos como Luar na Lubre, Milladoiro, Silly Wizard ou The Tannahil Weavers dán paso, desde a tradición, ao folk contemporáneo. As influencias de diversos estilos musicais resoan nos seus directos e o grupo acada a súa actual formación, de 6 membros multiintrumentistas, no ano 2018. Neste tempo a banda convértese nunha peza chave da programación musical de míticos locais como Casa das Crechas ou Cova Céltica e acada o recoñecemento en eventos de primeiro nivel. É o caso do Festival de Ortigueira, cita na que se proclama gañadora do Concurso Runas 2019 xunto ao gaiteiro xaponés Yuki Kojima.

Neste 2020 o grupo impulsa e finaliza, exitosamente, unha campaña de micromecenado apoiada por máis de 160 persoas co obxectivo de publicar o seu primeiro LP. Este verán Dequenvessendo regresa con forza aos escenarios para presentar ante o público Canto das xacias, un traballo que ten coma protagonista a cultura galega a través da súa poesía e do seu imaxinario popular.

Para máis novas sobre o panorama musical galego, non deixes de visitar a nosa web!

Novos produtos na nosa tenda

Lanzamos novos produtos na nosa tenda, e proximamente máis!

O primeiro dos novos deseños é de tematica feminista, e o estampamos en camisetas, bolsas e mochilas de cordas, ambas feitas de algodón orgánico cun alto gramaxe.

O outro deseño e contra algo que non debería existir, por iso dicimos FCK VOX en camisetas, bolsas e mochilas de cordas, tamén de algodón orgánico. A maiores tamén fixemos gorras.

Verto estreou Pegadiño a ti

Fotograma do clip

Pegadiño a ti é o novo sinxelo de Verto, composto en corentena.

Ven acompañado dun vídeo musical dirixido por Paulo Mouriño Pereiro (Mundo X) e protagonizado por Alex Mallo. É o primeiro videoclip de Verto, o dúo revelación da música galega.

O primeiro disco de Verto, Puro Ocio, viu a luz poucos días despois de que quedaramos confinados na casa, e tivemos que aguantarnos as ganas de gózalo de festa.

Fonte: Balea.gal

Máis novas da nosa web