O rock non é cousa de homes

¿Non estades fartas de que pareza que o rock é un xénero con demasiados homes? Para facer ver que tamén hai mulleres deixamos por aquí catro grupos de rock con representación feminina.

Bala

BALA son  Anxela e Violeta, un dúo de guitarra e batería de difícil clasificación.  nacido na Coruña. O son lembra aos grupos de rock intenso dos 90, cunha mestura de influencias que van desde o  grunge ao  stoner pasando polo punk. A todo isto súmanselle dúas voces moi distintas. 

Ata o momento publicaron tres traballos: ‘ Human  Flesh’ (Matapadre, 2015), ‘ Lume’ (Matapadre, 2017) e ‘Maleza’ (Century Media, 2021). Tocaron nos grandes festivais de España e Portugal, pero tamén en países como Xapón, Australia, EEUU, Colombia ou UK, deixando pegada en lugares como o  Stoned  and  Dusted (deserto de Mojave, California), ou o Rock ao Parque de  Bogotá (2018).

Agoraphobia

Agoraphobia son un quinteto orixinario de Boiro (A Coruña) formado por Susana (vocalista), Sabela (guitarra), Paula (batería) e Lucía (baixo).  Aislinn (exguitarrista) e Sabela coñécense no instituto e con apenas dezaseis anos comezan a dar renda solta ao seu gusto polo punk rock e o rock alternativo. Naqueles inicios, no 2006, mostran predilección por bandas  punk rock como  Blink 182 e por bandas de rock alternativo como  Incubus, de feito o nome tómano dunha canción destes.

No outono de 2017 chega o seu primeiro  LP, “ Incoming  Noise” ( Dotbeat, 2017), e posteriormente en 2019 publican o seu segundo  LP, “ Unaligned” ( Dotbeat, 2019).

Cuarta Xusta

Esta banda inicia a súa traxectoria a comezos do ano 2016 como resultado da paixón pola música de cinco rapazas de Melide: Marta Sánchez (violín/guitarra), Alberto García (guitarra), Aida López (voz), Alba Vilariño (baixo) e Lúa Aguete (batería). Creando temas propios que parten das inquedanzas que afectan á nosa sociedade, sempre na nosa lingua.

Ao longo da súa traxectoria, que comeza no Festival Presume de Galego, compartiron cartel con grupos como Superoito ou Zënzar. A principios de 2018 presentaron o primeiro traballo discográfico, “Un novo espertar”, tentando achegar os seus berros ao maior número posible de persoas. Actualmente están inmersas na gravación do seu segundo disco que o coronavirus fixo atrasar.

Grima

GRIMA nace en Pontevedra en setembro de 2016 de man de Facundo Pardo (batería) e Laura Villar (baixo, voz), membros paralelamente de grupos como  Monrovia,  Montclair ou o colectivo de músicos  Metamovida. Vista como unha das novas promesas da música punk/rock progresiva de Galicia, a banda xoga entre o  grunge,  stonner e o punk con deixes  progressive experimental, ou o que sería o mesmo un son difícil de cualificar pero fresco e enérxico.

Despois dunha primeira toma de contacto moi frutífera co público durante ano e medio,  en 2018 GRIMA lanza o seu primeiro  LP, “ A ver a que sabe ”, gravado en  Sae  Institute  Spain (Madrid) por Adrián Blanco e cun traballo artístico integramente realizado pola ilustradora galega,  Maru Astray. Actualmente están en proceso de gravación do seu segundo disco, que verá a luz nos próximos meses.

Teima presenta o seu primeiro single

Teima

A banda de metal vimiancesa Teima vén de estrear o seu primeiro single “Lume e Espiñas”. Este debut vén da man dun videoclip producido e editado polo colectivo audiovisual “Catro Ghatos”. O tema xa está dispoñible en todas as plataformas de streaming, así como en YouTube ou no Bandcamp do grupo.

“Lume e Espiñas” é unha canción nada da raiba e impotencia sentida ante a vaga de incendios
que azoutaron Galiza no 2017. Achéganos a unha tráxica realidade que a nosa terra vive ano tras ano. Vemos así como este tema pretende plasmar a sensación de angustia que se sente ao ver arder o teu entorno, onde todo o que coñeces muda cara tonos grises e negros, tinguindo todo de morte. Paralelamente, o tema preséntanos, como resposta ante este sentemento de impotencia, a capacidade de erguerse e incluso sair máis forte dos sucesos tráxicos.

Tras esta estrea, Teima segue a traballar nos seus futuros proxectos, incluido o próximo
lanzamento do seu segundo single. Para máis información sobre eles podes visitar a súas redes sociais: Instagram e Facebook.

Se queres ver máis novidades do panorama musical galego visita a nosa sección de novas.

Guadi Galego estrea “Velutinas”

Guadi Galego Velutinas

Guadi Galego estreou novo videoclip do seu álbum “Costuras”, título do seu novo traballo en solitario de onde a artista galega reafirma a súa personalidade artística a través de temas moi profundos.

“Velutinas” é unha das dez pezas deste álbum, na súa letra, Guadi Galego envorca sentimentos propios que apuntan ás contradicións, como motor para seguir avanzando.

O videoclip leva a marca de Jairo Moreno, creativo audiovisual e editor de vídeo, e conta coa participación das actrices Ana Oca e Carlota Arana.

Deleiba estrea Erguerse, a mensaxe de esperanza do rock galego

Deleiba Erguerse

Os roles de xénero na infancia e a liberdade sexual protagonizan o novo videoclip de Deleiba.

A pandemia implicou unha freada en seco do panorama musical. A pesares das dificultades, Deleiba puxo toda a carne no asador para presentar un novo sinxelo de alta octanaxe: Erguerse. Desta vez, a banda contou coa produción musical de Iago Pico en Pouland Studios, protagonista de producións de grandes bandas galegas como Nao ou Tanxugueiras.

Nesta nova aventura, a evolución da banda consolídase coa incorporación de novas influencias á base rockeira do quinteto muradán, sempre tinguida por letras que transmiten unha mensaxe de superación ante os obstáculos impostos pola vida e o sistema.

Un videoclip de vangarda

O videoclip inclúe tres historias que xiran en torno á liberdade sexual, os roles de xénero na infancia e a superación persoal ante a perda dun ser querido. Mostra unha aposta firme pola estética e o sutil, con ubicacións tan emblemáticas como a Fábrica de Sel de Muros, museo marítimo e actual sede do Clube de Remo muradán, berce de moitos deportistas da contorna ao que cada vez se unen máis rapazas.

O video nace dunha colaboración de primeiro nivel baixo a dirección de Daniel Pérez e a fotografía de Pedro Galbán, contando ademais coa produción de Inés Duport e Luis Santaolalla (ambos da produtora Lunes Films) e David Suárez. Xuntos, conforman un equipo que se está a consolidar como referente da nova fornada de profesionais do audiovisual
galego.

Un sinxelo preparado para asaltar grandes citas

Deleiba forma parte dos cartaces das vindeiras edicións do festival de punk de grande formato Tsunami Xixón e do Festival das Carrilanas de Esteiro, citas programadas para este verán mais cuxa celebración segue a ser unha incógnita.

Pendentes dunha evolución da pandemia que lles permita voltar aos escenarios, semella máis acertado ca nunca o retrouso deste novo traballo: “Cada vez que me tumben, reunirei as forzas para erguerme”.

Máis artigos coma este na nosa sección de novas.

MJ recupera e transforma o tema “Nom existe a morte”

MJ

MJ recupera e transforma o tema “Nom existe a morte”, que nace dun poema de Ricardo Carvalho Calero e que foi finalista do concurso “Musicando Carvalho 2020”.

Neste poema Carvalho fai unha reflexión sobre o paso do tempo e a partir de aí a cantautora desenvolve unha composición musical que intenta acompañar e apoiar a mensaxe do poema xogando coa narración e a música.

A canción foi gravada en Drum&Roll Studios, en solitario baixo a produción de Iago Blanco. O videoclip pretende ser un percorrido visual a través do poema, enfatizando a mensaxe, a través da técnica de siluetas en movemento con video integrado. Así MJ interpreta estes versos e trata de maximizar o contido do poema e a canción con esta recreación audiovisual protagonizada pola sombra da cantautora.


MJ Pérez é unha das voces do panorama actual da música galega. Inicia o seu percorrido en 2014 e acumula máis de 150 concertos por toda Galicia e tamén Portugal. Suma xa catro álbums: un autoeditado e outros tres auto-producidos. Estivo presente en festivais e nos principáis circuítos musicais de Galicia.

MJ iniciou o pasado 2020 presentando o seu cuarto álbum “A Luz Prendida”, un disco de 15 temas (o máis longo da autora ata o momento) que marca un claro cambio de rumbo na música da cantautora arzuá, mantendo a esencia, mais cunha clara presenza de ritmos latinos e música de raíz. Este álbum foi gravado case íntegramente en Drum & Roll Studios (Coruña), con Iago Blanco aos mandos. Nel colaboraron grandes músicas como Ailén Kendelman, Laura Romero, Richi Casás, María Prado, Paula López, Iván Bernárdez, Alberto Rama, Sofía Espiñeira, Lucía López, Antonio Facal, Amanda Pinos e Iago González.

Tanxugueiras estrea “Midas” marcando un punto de inflexión na súa traxectoria

Tanxugueiras Midas

Nel colaboran Fer Peleteiro e Iago Pico, e que se acompaña dun videoclip cos bailaríns Fran Sieira, Xisco Feijoó e Artur Puga.

Tanxugueiras estrea hoxe o seu novo single e videoclip, Midas, un tema que supón un punto de inflexión na traxectoria das cantareiras. A música tradicional, que se mantén na base rítmica e esencia do tema, atópase con estilos máis urbanos e modernos, como o trap ou a electrónica. A peza, editada por Calaverita Records e PlayPlan Cultural e que estará dispoñible nas principais plataformas dixitais, acompañarase dun videoclip marcado pola pegada das cantareiras e a posta en valor do baile do país.

“Midas é un single empoderado, motivador e con moito carácter; e que define moi ben tanto o son actual de Tanxugueiras como a falta de medo que temos hoxe en día, como músicas, a explorar novas sonoridades”, sinala o grupo. Con Midas, as cantareiras despéganse dos seus anteriores traballos e da pandeireta para dar un maior protagonismo as súas voces, á vez que empregan estruturas máis contemporáneas e apostan por un retrouso pegadizo e con forza. Neste sinxelo avanzan na procura da fusión da tradición con estilos máis modernos e electrónicos, pero sen perder o contacto coa orixe e a base tradicional. Para iso, sérvense da colaboración de Fer Peleteiro -tanto no apartado musical coma na produción- e de Iago Pico, de Pouland Studios -na produción, gravación, mestura e masterización- . O resultado, a ollos das creadoras, é “unha proposta redonda”.

“Midas é unha peza empoderada e motivadora coa que queremos chegar ás novas xeracións, que van seguir coa tradición e termar dela”, apuntan as Tanxugueiras.

”Quen escoite a peza atopará conexións co tradicional, alén dos ritmos, nas coplas e no carácter das mesmas”; sinala o grupo, que con Midas tamén afonda na súa vertente creativa a través do desenvolvemento de textos propios que conectan con outras líricas da creación colectiva galega. “Non é a nosa pretensión situarnos na proa da reformulación, pero si que queremos dar un pasiño máis na evolución e achegar a música tradicional a outros públicos máis novos”, expoñen. Neste sentido, as cantareiras destacan a importancia de poñer en valor a creación popular galega entre as novas xeracións, “xa que é a poboación que vai seguir coa tradición e van termar dela, tamén desde a evolución.”

O lanzamento acompáñase dun videoclip producido por Trece Amarillo e PlayPlan Cultural no que, precisamente, as músicas queren visualizar o baile tradicional.

Se no 2019 o tema Desposorio, de corte tradicional, atopaba o seu contrapunto no baile contemporáneo, nesta ocasión, cun vídeo moderno e rompedor, as cantareiras acompáñanse do baile do país coa colaboración de Xisco Feijoó, Fran Sieira e Artur Puga, membros de Fran Sieira Compañía de Danza. “Escollimos tres bailadores que nos gustan moitísimo, cada un co seu propio estilo e que transmiten moitísima forza. Ao cabo, falamos dun tema con moito carácter e que non deixa indiferente, que é o que sempre pretendemos desde Tanxugueiras”, sinalan.

NAO publica Adeus e grazas, o DVD do seu concerto de despedida

O deuvedé, editado da man da promotora PlayPlan Cultural, inclúe un segundo disco nomeado Apocalipse NAO, que recolle gravacións inéditas tanto da banda coma de persoas achegadas á mesma.

O lanzamento coincide co primeiro aniversario da derradeira actuación do grupo, celebrada en Amio o 7 de decembro de 2019 coa participación de más de 20 artistas.

A lenda e referente ideolóxico do rock galego, NAO, celebra o primeiro aniversario da súa despedida dos escenarios cunha estrea. O grupo, da man da promotora PlayPlan Cultural, publicará o vindeiro 7 de decembro o DVD Adeus e grazas, un traballo que recolle integramente o derradeiro directo do grupo celebrado o 7 de decembro de 2019 no recinto ferial de Amio, en Santiago de Compostela. Durante o concerto, unha cita ateigada de emoción e sorpresas, Jasper, Gus, Torroncho e Amós revisaron practicamente todo o seu repertorio apoiados por máis de 20 artistas.

O concerto de despedida resultou un acontemento moi destacado dentro da mundo da música galega tanto polo baleiro que NAO deixou nos palcos desde entón como pola extensa implicación de músicos na cita. No directo, concebido como “unha gran festa” e que se prolongou durante máis de 3 horas, colaboraron Picchio (Banda Bassotti), Sabela Ramil, Tanxugueiras, SonDaRúa, Rebeliom do Inframundo, Odolaren Mintzoa, Mini e Navia Rivas, Ramón Iglesias, Anxelo de Xermar, Patty Castro, Paul Zervero, Dakidarría, Pauliña, Xiana Lastra, Manuel Varela, Inés Duport, Roi Xesteira, Iago Pico, Vituco Neira e Carlos Gilino.

Adeus e grazas inclúe tamén de agasallo o disco Apocalipse NAO, que recompila tres pezas documentais homónimas (I, II e III) recollidas á banda ao longo dos seus case quince anos de traxectoria. A última da triloxía, nomeada Apolicalipse NAO I, inclúe material audiovisual inédito gravado após a despedida do grupo e que se poderá ver por primeira vez neste deuvedé. No traballo, tanto os membros da formación como as persoas achegadas á mesma e que compartiron as súas vivencias coa banda nestes anos falan do que supuxo o derradeiro concerto de NAO e do que significou a súa música para eles.

DVD NAO

O dobre DVD publicado por NAO e PlayPlanpoderase adquirir desde o luns 7 a través da páxina web www.inquedanzas.com por 19,90€ (gastos de envío non incluídos) e, a partir do mércores 9 de decembro, nos puntos habituais de venda de Inquedanzas Sonoras. Todas aquelas persoas que reservaran previamente o deuvedé recibirán o derradeiro traballo de NAO na súa casa o mesmo luns 7.

Para máis novas coma esta bota unha ollada ao noso apartado de novas.

Quilma estrea o seu primeiro disco

CD de Quilma

Xa está dispoñible á venda o primeiro disco de Quilma, en formato físico por 5€ (prezo axeitado para os tempos que corren). Rock en galego, innovación e un deseño visual impresionante a mans da súa creadora: @qui.sap.

Para cómpralo solo tedes que poñervos en contacto a través das súas redes Facebook e Instagram. Están voando, así que poñédevos en contacto con eles para chegar a tempo e apoiar a cultura en galego

O vindeiro día 20 de novembro dispoñible en todas as plataformas online de balde!

Quilma, veteranía e xuventude

Quilma defínese como unha banda de Rock Pogresivo en constante evolución con influencias dunha gran variedade de estilos musicais, onde veteranía e xuventude fúndense para expresar e crear o seu propio son.

Se che gusta o rock e queres apoiar a cultura galega e en galego bota unha ollada a nosa tenda en liña e as nosas novas, e merca produtos como estes: