Deleiba estrea Erguerse, a mensaxe de esperanza do rock galego

Deleiba Erguerse

Os roles de xénero na infancia e a liberdade sexual protagonizan o novo videoclip de Deleiba.

A pandemia implicou unha freada en seco do panorama musical. A pesares das dificultades, Deleiba puxo toda a carne no asador para presentar un novo sinxelo de alta octanaxe: Erguerse. Desta vez, a banda contou coa produción musical de Iago Pico en Pouland Studios, protagonista de producións de grandes bandas galegas como Nao ou Tanxugueiras.

Nesta nova aventura, a evolución da banda consolídase coa incorporación de novas influencias á base rockeira do quinteto muradán, sempre tinguida por letras que transmiten unha mensaxe de superación ante os obstáculos impostos pola vida e o sistema.

Un videoclip de vangarda

O videoclip inclúe tres historias que xiran en torno á liberdade sexual, os roles de xénero na infancia e a superación persoal ante a perda dun ser querido. Mostra unha aposta firme pola estética e o sutil, con ubicacións tan emblemáticas como a Fábrica de Sel de Muros, museo marítimo e actual sede do Clube de Remo muradán, berce de moitos deportistas da contorna ao que cada vez se unen máis rapazas.

O video nace dunha colaboración de primeiro nivel baixo a dirección de Daniel Pérez e a fotografía de Pedro Galbán, contando ademais coa produción de Inés Duport e Luis Santaolalla (ambos da produtora Lunes Films) e David Suárez. Xuntos, conforman un equipo que se está a consolidar como referente da nova fornada de profesionais do audiovisual
galego.

Un sinxelo preparado para asaltar grandes citas

Deleiba forma parte dos cartaces das vindeiras edicións do festival de punk de grande formato Tsunami Xixón e do Festival das Carrilanas de Esteiro, citas programadas para este verán mais cuxa celebración segue a ser unha incógnita.

Pendentes dunha evolución da pandemia que lles permita voltar aos escenarios, semella máis acertado ca nunca o retrouso deste novo traballo: “Cada vez que me tumben, reunirei as forzas para erguerme”.

Máis artigos coma este na nosa sección de novas.

Comparte a publicación

Share on facebook
Share on twitter
Share on whatsapp
Share on telegram
Share on email

Deixa un comentario

Deixa un comentario