¿Non estades fartas de que pareza que o rock é un xénero con demasiados homes? Para facer ver que tamén hai mulleres deixamos por aquí catro grupos de rock con representación feminina.
Bala
BALA son Anxela e Violeta, un dúo de guitarra e batería de difícil clasificación. nacido na Coruña. O son lembra aos grupos de rock intenso dos 90, cunha mestura de influencias que van desde o grunge ao stoner pasando polo punk. A todo isto súmanselle dúas voces moi distintas.
Ata o momento publicaron tres traballos: ‘ Human Flesh’ (Matapadre, 2015), ‘ Lume’ (Matapadre, 2017) e ‘Maleza’ (Century Media, 2021). Tocaron nos grandes festivais de España e Portugal, pero tamén en países como Xapón, Australia, EEUU, Colombia ou UK, deixando pegada en lugares como o Stoned and Dusted (deserto de Mojave, California), ou o Rock ao Parque de Bogotá (2018).
Agoraphobia
Agoraphobia son un quinteto orixinario de Boiro (A Coruña) formado por Susana (vocalista), Sabela (guitarra), Paula (batería) e Lucía (baixo). Aislinn (exguitarrista) e Sabela coñécense no instituto e con apenas dezaseis anos comezan a dar renda solta ao seu gusto polo punk rock e o rock alternativo. Naqueles inicios, no 2006, mostran predilección por bandas punk rock como Blink 182 e por bandas de rock alternativo como Incubus, de feito o nome tómano dunha canción destes.
No outono de 2017 chega o seu primeiro LP, “ Incoming Noise” ( Dotbeat, 2017), e posteriormente en 2019 publican o seu segundo LP, “ Unaligned” ( Dotbeat, 2019).
Cuarta Xusta
Esta banda inicia a súa traxectoria a comezos do ano 2016 como resultado da paixón pola música de cinco rapazas de Melide: Marta Sánchez (violín/guitarra), Alberto García (guitarra), Aida López (voz), Alba Vilariño (baixo) e Lúa Aguete (batería). Creando temas propios que parten das inquedanzas que afectan á nosa sociedade, sempre na nosa lingua.
Ao longo da súa traxectoria, que comeza no Festival Presume de Galego, compartiron cartel con grupos como Superoito ou Zënzar. A principios de 2018 presentaron o primeiro traballo discográfico, “Un novo espertar”, tentando achegar os seus berros ao maior número posible de persoas. Actualmente están inmersas na gravación do seu segundo disco que o coronavirus fixo atrasar.
Grima
GRIMA nace en Pontevedra en setembro de 2016 de man de Facundo Pardo (batería) e Laura Villar (baixo, voz), membros paralelamente de grupos como Monrovia, Montclair ou o colectivo de músicos Metamovida. Vista como unha das novas promesas da música punk/rock progresiva de Galicia, a banda xoga entre o grunge, stonner e o punk con deixes progressive experimental, ou o que sería o mesmo un son difícil de cualificar pero fresco e enérxico.
Despois dunha primeira toma de contacto moi frutífera co público durante ano e medio, en 2018 GRIMA lanza o seu primeiro LP, “ A ver a que sabe ”, gravado en Sae Institute Spain (Madrid) por Adrián Blanco e cun traballo artístico integramente realizado pola ilustradora galega, Maru Astray. Actualmente están en proceso de gravación do seu segundo disco, que verá a luz nos próximos meses.