Secho estrea “As sensacións”, primeiro adianto de “Recuperar”

Secho

O artista galego Secho presenta o primeiro adianto do que será o seu disco “Recuperar”, un conxunto de cancións moi persoais que se moven entre o pop, o indie ou o folk, nunha nova voz que revolucionará a música galega. O disco sairá antes do verán.

Respecto deste primeiro sinxelo, el mesmo di que “fala de todo o que arrodea aos corazóns que nun momento deciden marchar sós. A melancolía do vivido, as inseguridades do presente, a soidade dun paseo ou a necesidade de reprogramarse para seguir facendo camiño, son sensacións que moitas e moitos de nós temos percibido nalgún momento das nosas vidas, coa incerteza da dirección que debemos tomar”.

“As sensacións” tamén chega en forma de imaxe, cun vídeo feito por Nela Fraga que reflicte ese momento vital, ese lugar, esas fotos que alimentan a memoria e rematan de fronte o mar, na compañía dun solpor.

Secho. Quen é?

Secho está aquí para ficar nun lugar destacado da música do país, e sobran os motivos para entre todas poder celebralo. Nestes días estraños onde as cousas pequenas cotizan alto na bolsa de valores do tanxible, el exerce de ourive dun universo onde o seu facer son notas que viaxan nunha jukebox ao noso rescate.

A súa música emerxe como esa compañeira necesaria que pon banda sonora ás nosas biografías: constrúe memoria, sentimentos, sensacións, fuxidas, soños e tamén as outras vidas que decidimos non vivir.
O seu novo traballo, “Recuperar”, promete non deixar a ninguén indiferente, transformándose como a enerxía en anacos de vida, discos, stories, videos e concertos. Chegou o tempo da beleza das cousas pequenas. Da honestidade. Da paixón. Dunha voz fresca e propia. Chegou Secho.

Podes seguir a súa actividade en Instagram e Facebook.

Comparte a publicación

Share on facebook
Share on twitter
Share on whatsapp
Share on telegram
Share on email

Deixa un comentario

Deixa un comentario