MJ recupera e transforma o tema “Nom existe a morte”

MJ

MJ recupera e transforma o tema “Nom existe a morte”, que nace dun poema de Ricardo Carvalho Calero e que foi finalista do concurso “Musicando Carvalho 2020”.

Neste poema Carvalho fai unha reflexión sobre o paso do tempo e a partir de aí a cantautora desenvolve unha composición musical que intenta acompañar e apoiar a mensaxe do poema xogando coa narración e a música.

A canción foi gravada en Drum&Roll Studios, en solitario baixo a produción de Iago Blanco. O videoclip pretende ser un percorrido visual a través do poema, enfatizando a mensaxe, a través da técnica de siluetas en movemento con video integrado. Así MJ interpreta estes versos e trata de maximizar o contido do poema e a canción con esta recreación audiovisual protagonizada pola sombra da cantautora.


MJ Pérez é unha das voces do panorama actual da música galega. Inicia o seu percorrido en 2014 e acumula máis de 150 concertos por toda Galicia e tamén Portugal. Suma xa catro álbums: un autoeditado e outros tres auto-producidos. Estivo presente en festivais e nos principáis circuítos musicais de Galicia.

MJ iniciou o pasado 2020 presentando o seu cuarto álbum “A Luz Prendida”, un disco de 15 temas (o máis longo da autora ata o momento) que marca un claro cambio de rumbo na música da cantautora arzuá, mantendo a esencia, mais cunha clara presenza de ritmos latinos e música de raíz. Este álbum foi gravado case íntegramente en Drum & Roll Studios (Coruña), con Iago Blanco aos mandos. Nel colaboraron grandes músicas como Ailén Kendelman, Laura Romero, Richi Casás, María Prado, Paula López, Iván Bernárdez, Alberto Rama, Sofía Espiñeira, Lucía López, Antonio Facal, Amanda Pinos e Iago González.